martes, 16 de junio de 2009

NOVA XUNTANZA: BLACKSAD

Despois dunha parada obrigada por partos e demais cousiñas, retomamos con forza o noso clube de lectura de BANDA DESEÑADA. Desta volta, cun clásico moderno: a serie Blacksad. Comezaremos co primeiro título (hai xa tres editados, e ademais un libro co proceso de creación e entrevistas aos autores, moi interesante).

Iniciamos a aventura, pois, con "BLACKSAD, Un lugar entre las sombras" (editado por NORMA) Estamos ante unha obra do máis peculiar: personaxes animais, un realismo no debuxo despampanante, un dinamismo nas escenas que dá a sensación de estar vendo cine,... En fin, unha obra mestra.
A nosa reunión para falarmos deste primeiro libro será o vindeiro sábado 27 de xuño, ás 11:00h. (como de costume), no telecentro do Concello de Betanzos (se hai algunha modificación de última hora polo lugar, alí estaremos para avisar).

E aquí van algunhas propostas para reflexionar sobre a lectura:

- A maneira en que os autores asocian animais a diferentes tipos de personaxes é moi interesante. Analiza uns cantos destes personaxes e observa que forma animal teñen. Cales son os rasgos específicos do carácter de cadaquén?

- Esta obra conta con moitos recursos tipicamente cinematográficos. Por exemplo, utiliza abundantes "contraplanos", é dicir, cambios de perspectiva da cámara, de maneira que nunha viñeta "eu te vexo a ti" e na seguinte "ti me ves a min". É dicir, trátase de cambios de perspectiva. Intenta localizar algúns exemplos de contraplanos (unha pista: na páxina 28 hai un entre o detective e o policía).

- É típico no cine atopar "movementos de cámara". Pero tamén na banda deseñada. Un deles, moi utilizado en Blacksad, é o TRAVELLING (consiste en que dá asensación de que hai unha cámara que circula polo escenario). Atopa algúns exemplos.

- Tamén hai aquí un uso dos planos excepcional. Busca algúns dos que máis che gustasen e compárteo cos compañeiros do club (Ex.: un primeiro plano especial, un plano americano que nos gusta pola sensación de movemento que aporta, unha panorámica espectacular, etc.)

- E o máis importante: trae á reunión a túa opinión, as túas impresións, que che fixo desfrutar máis e que menos. E cóntao. Quizais fagas que outros desfruten igualmente.

Ata a vindeira reunión, e BOAS LECTURAS!!
Ficha da obra:
"BLACKSAD, Un lugar entre las sombras"
Editorial NORMA
Guión: Díaz Canales
Debuxo: Guarnido